As Festas de Santa Minia xa teñen programa, do 24 ao 27 de setembro, pero sen queima de fachada nin curte da avenida principal de Pedrouzos. As actividades lúdicas, culturais e os postos localizaranse na contorna da carballeira, e daranse cita cinco pulpeiras.
Tamén haberá actividades familiares (co Mago Romarís o día 24; Pistacatro o 25 e teatro, 26 e 27), pero neste caso na praza do Concello.
Os concertos adiantan a súa hora de celebración ás 20.00 (salvo o venres, que será ás 20.30 horas) e terán lugar nunha finca próxima á carballeira. Xa está aberto o prazo para reservar entradas (indicando nome, número de teléfono e DNI a través do email brion@gmail.com) para as galas do Grupo América de Vigo (venres 24), Manoele de Felisa(sábado 25), Carapaus e Os D´Abaixo (o 26) e da Banda Municipal de Música de Brión (luns 27)
No canto da citada queima, haberá fogos de artificio simultáneos dende Brión, Bastavales e Viceso, e no que atinxe ao actos relixiosos, a novena terá lugar do 17 ao 25 de setembro, ás 9.00 e 20.00 horas. O sábado 25 haberá tres sesións especiais: 18.00, 19.00 e 20.00 horas. O domingo (véspera), haberá oficios tanto de mañá (9.00, 10.00, 11.00, 12.00 e 13.00 horas) como de tarde (18.00, 19.00 e 20.00 horas). E, precisamente, esta mesma programación vaise repetir o Día de Santa Minia, que é o 27 de setembro, coa eucaristía solemne ás 13.00 horas e unha sesión máis ás 17.00 horas.